Wednesday 24 de April de 2024

As Casillas xa conta con nova senda peonil


O orzamento desta obra ascendeu a algo máis de 189.000 € sufragado integramente co remanente municipal do ano 2017

A senda peonil das Casillas, situada entre os puntos quilométricos 37+350 e 38+560 nas inmediacións do casco urbano de Ordes na N-550, xa está rematada. Cun orzamento de 189.322,89 euros construíuse esta nova infraestrutura peonil que conta cun ancho mínimo de 2 metros de formigón coloreada elevada con bordo. Como ben se pode observar esta discorre paralela á estrada, na zona onde se atopaba ata hai pouco a cuneta, mantendo a beirarrúa existente.

A obra, sufragada integramente co remanente municipal do ano 2017, posibilita dar continuidade e conectividade peonil ás beirarrúas xa existentes no paseo Iván Raña. Unha medida que o Concello de Ordes agarda se traduza nunha diminución do tráfico rodado diario que actualmente existe entre os dous núcleos, ademais da mellora na seguridade que suporá para a veciñanza neste tramo viario.

Ademais da dita construción tamén se levou a cabo a canalización de tubaxe de polipropelino corrugado (400 mm de diámetro), a instalación de 15 arquetas con sumidoiro e 35 pozos de rexistro con sumidoiro para recollida de pluviais, a canalización para o sistema de iluminación pública, así como o posterior recheo compactado da zona.